Alén Pérez / Agus Figueira
Redacción-BoiroNaRede
23-04-2013
É de esperar, chega o bo tempo e con él os incendios forestais. Arredor das catro da tarde de hoxe, a Axencia Galega de Emerxencias 112 Galicia recibía a chamada dun particular alertando dun incendio na zona de Praia Xardín, en Boiro.
Dende a central do 112 púxose en marcha un amplio dispositivo composto por membros do Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Boiro, unha patrulla da Policía Local e Garda Civil de Boiro e unha unidade da Policía Autonómica con base en Santiago que se atopaba circulando pola zona.
O lume afectou a uns 500 metros cadrados de superficie rasa e foi sofocado polos membros do Servizo Municipal de Emerxencias de Boiro coa axuda dun camión motobomba.
Unha das principais dificultades para os servizos de emerxencia foi o acceso a ese punto do monte, xa que os camiños que dan acceso son moi estreitos e están cheos de fochancas. Unha vez alí, os profesionais comprobaron que o lume estaba a piques de afectar a unha caseta de madeira destinada á observación de aves, da cal un home se apropiou e fixo dela a súa vivenda. As lapas rodearon por completo unha torre de alta tensión, que non chegou a verse afectada.
Segundo apuntaron testigos presenciais a este periódico, <<Pensamos que era unha barbacoa ata que vimos pasar aos servizos de emerxencia>>.
En declaracións a Boiro Na Rede, un portavoz da Policía Autonómica sinalou <<No descartamos ninguna hipótesis, pero todo parece apuntar a que ha sido un fuego fortuito provocado por las altas temperaturas que se vienen dando en los últimos días>>.
En total 36972 visitantes (80456 clics a subpáginas) Gracias por leernos!