NOTA DE PRENSA
Este Venres 25 de Maio ás 17:30 na Casa da Cultura de Boiro Clausura dos Obradoiros de Programa de Intervención Integral con Persoas Maiores no Concello de Boiro.
O Concello de Boiro procederá maña venres ás 17.30, no centro social de Boiro, á clausura do Programa de intervención integral con persoas maiores, que se levou a cabo grazas á subvención concedida pola Deputación da Coruña.
O peche dos obradoiros para persoas maiores no Concello de Boiro contará coa participación do alcalde de Boiro que xunto coas técnicas do Concello e de OBZ, empresa que colaborou na posta en marcha e desenvolvemento dos obradoiros, encargaranse de expor os resultados obtidos, así como a proxección dalgunhas imaxes obtidas no desenvolvemento dos talleres, e da entrega de certificados de asistencia aos participantes a ditos obradoiros.
Un dos principais obxectivos do programa con persoas maiores, que comezou no mes de marzo, foi o de contribuír ao envellecemento activo e incrementar o benestar e a saúde integral dos nosos maiores, así como favorecer e mellorar a calidade de vida e a incorporación dos hábitos de vida saudable nas súas vidas.
Para acadar dita finalidade deseñáronse obradoiros, que se impartiron en cinco parroquias de Boiro ( Cabo de Cruz, Abanqueiro, Cespón, Escarabote, Boiro). As temáticas a tratar, a través de dinámicas e xogos, estiveron relacionadas coas emocións, a autoestima, o autocoñecemento, a importancia da risa, o control e manexo do estrés, a importancia da alimentación e coñecemento básico de novas tecnoloxías.
Na clausura do programa incidirase na importancia que para as persoas maiores ten o poder contar cun espazo e un tempo propio no que poder gozar de actividades para divertirse, descansar, aumentar coñecementos que lles servan de estimulo, e fomenten a participación social fundamental na calidade de vida no proceso de envellecemento.