Alén Pérez
Redacción/BoiroNaRede
14-03-2013
Estudantes do IES Espiñeira participarán dende o vindeiro luns nun proxecto no cal aprenderán algunas das vantaxes do modelo cooperativo como a saída laboral para sacar adiante iniciativas emprendedoras. Este obradoiro atópase dentro da campaña COOPERATIVÍZATE que está levando a cabo a Consellería de Traballo da Xunta de Galicia.
A campaña terá como data de finalización o día 22 de Marzo e despois continuará a súa andaina polos distintos institutos da xeografía galega.
Os monitores da Escola Cooperativa Móbil, que estará ubicada na Praza de Galicia do Concello de Boiro, ensinarán aos alumnos as vantaxes do cooperativismo, mediante sesións prácticas, coa finalidade de transmitir aos participantes dun xeito ameno e atractivo, os valores do cooperativismo, as habilidades sociais cooperativas, os pasos necesarios para crear unha cooperativa, así como a análise de casos de cooperativas de éxito. Ademais, poderán visitar a Escola Cooperativa Móbil todas as persoas que estén interesadas.
Cabe destacar que esta campaña xa se levou a cabo no curso 2010-2011 e se volve a repetir debido ao gran éxito que tivo. Segundo sinalan dende a Xunta de Galicia:, << Está campaña está orientada, principalmente, aos rapaces de últimos cursos que van a rematar os estudos e, en moitos casos, queren traballar. Pero debido á situación actual, ou pola idade, non atopan traballo. O obxectivo é chegar a estes rapaces e ofrecerlles unha alternativa a través das cooperativas>>
Imaxe do Presidente da Xunta, institución que organiza a campaña, na sua última visita oficial a Boiro. Fotógrafo: Alén Pérez